
Desde Richmond, Virginia, Prison Religion son unha continua práctica para encontrar os límites tanto dos estilos musicais polos que senten afinidade como da súa propia música, atrevéndose incluso a deconstruírse a si mesmos unha e outra vez. O último caso deste acto é Had Industrial B.O.P., lanzado este ano coa discográfica UIQ, onde levan a súa crueza a un punto de destrución aínda maior que nos seus anteriores traballos.
É improbable encontrar con asiduidade proxectos que xustifiquen máis o adxectivo de “experimental” na súa música que Prison Religion. Porque Poozy e False Prpht, sempre cun son entre o todo e a nada, incitan ao baile pero tamén á quietude total, buscando enrevesar ata o límite máis extremo todo estilo musical co que se atopan. Hip hop, industrial, noise, techno, metal, hardcore. Ninguén está a salvo do seu caos.