O xemer dun carro

Xabier Erkizia é un artista sonoro, produtor e investigador independente de Navarra. A principal característica do seu traballo é a investigación e a curiosidade en calquera forma de comunicación ou creación que implique á escoita e o sonoro. Colaborou, tanto en estudo como en directo, con artistas de diferentes disciplinas e procedencias. As súas prácticas abarcan dende a radio á produción musical, a escritura crítica e ensaística, a composición de bandas sonoras, ata a súa vertente máis experimental de creación de instalacións ou música concreta. Durante os últimos 25 anos presentou a súa obra en varios continentes do mundo e foi galardoado internacionalmente en varias ocasións.
En O xemer dun carro explórase a idea da colectividade como unha das máis importantes condicións de asumir á hora de poñer en marcha calquera exercicio de arqueoloxía sonora. O ruído, sempre alleo por definición, tende a converterse en son se hai unha comunidade que así o desexa, aínda que este desexo limite os significados que transmite cada forma sonora. Polo tanto, toda colectividade supón unha lectura política do noso entorno sonoro, unha revisión da nosa realidade a través dos sons.
O son dos carros de bois, xa practicamente extinguido en toda a península ibérica, é probablemente un dos sons non estritamente musicais máis antigos da historia da humanidade, pero, sobre todo, ofrécenos a posibilidade de escoitar unha extensa e persistente ferida. Testemuña falante de todo cambio socio-económico acontecido durante os últimos 5.000 anos, o carro berrón garda no seu ronco canto un primitivo, pero non por elo menos complexo código de comunicación en desuso. O ruído que nos falta.

Outros artistas