Max Cooper inaugura X21 Series, a programación que encherá Galicia de música contemporánea e arte visual

O músico británico Max Cooper chegará por primeira vez a Galicia e farao na Coruña, cun exclusivo directo audiovisual que terá lugar na emblemática e céntrica Sala de Exposicións Salvador de Madariaga, un espazo de gran valor patrimonial que acollerá por primeira vez un evento destas características grazas á colaboración do Concello de A Coruña.

Este concerto constituirá ademais a presentación de X21 Series que, co patrocinio da Xunta de Galicia e Xacobeo, atraerá a Galicia a grandes creadores e artistas que están a marcar o compás da música contemporánea a nivel internacional. As invitacións (moi limitadas) xa se poden adquirir a través de Ataquilla.

O irlandés Max Cooper labrouse unha posición única mesturando música electrónica de vangarda, arte visual e ciencia que o levou a ser un dos máximos referentes da escena contemporánea do momento.

Na última década, o músico, DJ e artista multidisciplinar explorou conceptos como a emerxencia, a identidade e o infinito para crear sons inmersivos, sempre con visións e conceptos que buscan levar ao espectador cara a lugares novos e especiais afastados da realidade a través da inmersión sensorial. Cooper colaborou con algúns dos máis importantes compositores clásicos contemporáneos como Michael Nyman, Tom Hodge ou Nils Frahm ou coa arquitecta Zaha Hadid.

Hai apenas uns días, Cooper publicou o seu novo traballo, Live at the Acropolis. Este é o primeiro álbum en directo de toda a súa carreira. Nel recóllense temas dos discos máis importantes da súa ampla traxectoria, como Yearning for the Infiniteou Emergence, así como remixes de pezas de Joep Beving e Henry Green.

X21 Series

X21 Series pretende atraer a Galicia algunhas das propostas internacionais máis sobresalientes da escena electrónica e experimental, poñendo o foco especialmente naquelas que operan na intersección entre arte e tecnoloxía, ao mesmo tempo que pon en valor o patrimonio material e inmaterial galego.

X21 Series é un proxecto independente da marca Cúpula Atlántica e conta co patrocinio da Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22 e a colaboración do Concello da Coruña.

Scroll up