Kali Malone, Stephen O’Malley e Lucy Railton presentan por primeira vez en España ‘Does Spring Hide Its Joy’

O Auditorio Abanca de Santiago de Compostela acollerá o venres 10 de decembro Does Spring Hide Its Joy, unha experiencia inmersiva non lineal creada en colaboración pola artista estadounidense fundadora do selo XKatedral Kali Malone co guitarrista, produtor, artista visual, membro fundador do grupo de culto Sunn O))) Stephen O’ Malley e a celista e directora artística e fundadora do London Contemporany Music Festival, Lucy Railton. As entradas xa se poden adquirir a través de Ataquilla.

Does Spring Hide Its Joyé unha soa peza que funciona como un estudo sobre a música non lineal. Foi creada en plena pandemia, no 2020, no Funkhaus & Monom de Berlín, e orixinalmente tiña unha duración de seis horas.

A música electrónica de Kali Malone é profunda, dinámica e emotiva. É quen de crear sons melancólicos e especiais que os oídos do público poden entender facilmente mediante instrumentacións cíclicas e de longa duración. No seu destacado álbum The Sacrificial Code, a estadounidense consegue tan só coa música dun órgano levar aos oíntes a un lugar novo e especial.

X21 Series é un ciclo que pretende atraer a Galicia algunhas das propostas internacionais máis sobresaíntes da escena electrónica e experimental, poñendo o foco especialmente naquelas que operan na intersección entre arte e tecnoloxía, ao mesmo tempo que pon en valor o patrimonio material e inmaterial galego.

X21 Series é un proxecto independente da marca Cúpula Atlántica e conta co patrocinio da Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22.

Scroll up