Paseo Bioacústico

Neste roteiro que terá lugar o sábado 11 de setembro percorreremos varios espazos verdes diferentes, dos que coñeceremos a súa biodiversidade e a importancia no desenvolvemento urbano e patrimonial a través dunha visita guiada en colaboración co Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago. A visita complementarase con diferentes intervencións de recollida e mostras de paisaxes sonoras a cargo do compositor e investigador en etnomusicoloxía Carlos Suárez, con quen descubriremos a bioacústica destes espazos verdes composteláns.

Santiago de Compostela é unha pequena cidade con zona monumental e numerosos espazos verdes, moitos deles con ríos ou regueiros, e nos arredores aínda conta con algunhas zonas rurais. Todos estes contornos favorecen a habitabilidade para bastantes especies.

Para coñecer quen son eses seres que cohabitan con nós e que beneficios proporcionan, que é a biodiversidade e porque da súa importancia nas zonas urbanas, faremos un percorrido desde a finca de Vista alegre ata a Carballeira de San Lourenzo, pasando polo Parque de Galeras, Finca do Espiño e Ribeira do Sarela. Estes espazos, ademais do seu interese de conservación, teñen un valor paisaxístico, cultural e patrimonial.

Por outra banda, descubriremos que é a bioacústica e como é utilizada polas credoras musicais para realizar as súas composicións. Conversaremos sobre a descomunal riqueza sonora da Biosfera, as súas variadas orquestracións e como cambia segundo a hora, as estacións, a altitude, o clima, a xeografía e outras variables, e coñeceremos as técnicas de gravación de campo para eses biosons.

Iremos facendo paradas para dar a coñecer, observar, e escoitar a algúns dos nosos veciños non humanos, abordando a importancia de conservar os seus hábitats dentro da contorna urbana e tocando aspectos da etoloxía sonora de diversos grupos de animais, respondendo preguntas como que son os nichos ecolóxicos e acústicos, como afecta a temperatura aos insectos, que é a sincronía de grupo, que é a ecolocación e porqué o canto das aves desconcerta aos científicos.

Finalmente, reflexionaremos sobre as principais causas e consecuencias da diminución da biodiversidade, faremos exercicios de escoita e falaremos da contaminación acústica e como esta afecta á Biosfera.

Cristina Fuentes

Bióloga especializada na educación ambiental e interpretación do patrimonio, guía do Museo de Historia Natural da USC.

Carlos Suárez

Artista sonoro, etnomusicólogo, deseñador de instrumentos e compositor de paisaxes sonoras.

Scroll up